Vini de Caixanova ou como complicar moito as cousas

O pago con tarxeta de crédito a través de internet é algo serio que ten que ter a máxima seguridade. Pero ata certo punto. Un bo sistema ten que acadar a seguridade e a comodidade para o usuario/cliente.

Os de Caixanova teñen un sistema chamado Vinova que, pola miña experiencia, penso que é unha merda. E non son o único que o pensa. Este sistema pode ser o seguro que queiras pero non é nada cómodo, é máis, é complicado e case o fai inutilizable. Levo case dúas semanas intentando pagar a matrícula da USC e aínda non fun capaz, grazas a Caixanova e ao seu sistema seguro de pagos por internet.

O asunto comeza cando quero facer a matricula por internet e como non tiña a man os datos da conta de aforros marquei a casilla de pagar con tarxeta de crédito. Meto os datos e resulta que por internet non se pode pagar unha cantidade superior aos 400 euros cunha tarxeta de Caixanova, para facer iso teño que contratar o código Vini. Ao día seguinte fun polas oficinas de Caixanova para que me deran o usuario e o contrasinal para poder acceder dende internet. Ese mismo día probo a facer o pagamento pero… non se me autointifica ben, os datos que introduzo son erronos. Ao día seguinte chamo ao número de atención ao cliente e dinme que teño que ir outra vez ás oficinas a que me dean un contrasinal novo. Así o fago ao día seguinte pero a empregada que había alí dime que non fai falla que me teño que dar de alta primeiro en non sei que parte da web e logo xa funciona ben. Busco durante toda a maña un lugar onde me dou de alta pero non o atopo (non existia), menos mal que ese día era xoves e puiden ir a outra oficina Caixanova a que me deran outro contrasinal.

Co novo contrasinal entro no portal Enova de Caixanova, parece que todo vai ben. Vou a realizar o pagamento e non me podo identificar, preciso dun código Vini. Xa pensei que me deran o que non era, pero non houbo problema porque pódese contratar por internet. Así o fixen. Identifícome en Vinova e todo vai ben, sen problemas. Vou á páxina da USC para realizar o pago da matricula, identifícome correctamente. Todo vai ben, estáse a conectar co servidor e… Erro! A comunicación on-line é incorrecta…

Probei ao día seguinte por se era un problema temporal e seguia igual. Hoxe tamén probei e seguia igual. Chamei a atención ao cliente dixeronme que alí estaba todo ben, que chamase o luns para falar cos informáticos, a ver se eles atopaban o erro.

En fin… moita seguridade pero eu levo dúas semanas sen pagar a matricula.

En casa, despois dun viaxe no que pasou de todo

Xa estou descansando en casa despois das vacacións de 7 días por terras finesas. Paseino moi ben, e ademáis de visitar Helsinki tamén visitei Tallin (capital de Estonia). Nunha semana visitei 2 países, bueno, 4 países se contamos Portugal e España.

Pero este post non é para contarvos cousas de Helsinki e Tallin (que xa o farei), se non do viaxe de volta porque nos pasou case de todo.

Chegamos (eramos 5 persoas) ao aeroporto de Helsinki unha hora e media antes para facturar e sacar a tarxeta de embarque con tempo. E así o fixemos. Pero o avión chegou media hora ou 45 minutos con retraso o cal era un gran problema xa que facemos trasbordo en Barcelona. No avión collemos turbulencias ao chegar a Barcelona por mor da treboada.

En Barcelona só tiñamos unha hora para coller o outro avión pero xa tiñamos a tarxeta de embarque (sacámola en Helsinki) e as maletas van directas a Porto. Como o avión chegou con retrasó só tivemos 15 minutos para cambiar de terminal e coller o avión, aínda por riba tardaron 5 minutos de máis en encaixar a escaleira ao avión para que poideramos baixar. Coas bolsas de man pasamos o control policial e fumos correndo por todo o aeroporto de El Prat en busca da porta de embarque. Ao chegar alí o autobus que nos levaría ao avión xa marchara pero dixeronos que non había problema, que o avión agardaba por nos. Mostramos os nosos billetes pero coas presas e os nervos unha amiga miña perdera o seu (seguramente deixouno no control policial). Pensabamos que non iamos coller ese avión pero os que estaban na porta de embarque fixeron unhas comprobacións e deixaron pasar á miña amiga.

No avión collimos aínda máis turbulencias e, aínda por riba, a comida que nos deron non estaba rica. Chegamos tarde a Porto sen saber se nos ían vir buscar ou non porque en Barcelona non nos dera tempo a chamar a casa. O colmo de todo é que as nosas maletas non apareceron! Quedaron en Barcelona. Suporían que non nos ía dar tempo a coller o trasbordo en Barcelona e as deixaron alí. Menos mal que as envian a casa por unha empresa privada hoxe á tarde.

Só faltaba un ataque terrorista…

Suomi, alá vou!

Hoxe á madrugada (4:00 am de mañá) marcho para Porto a coller un voo que me levará, primeiro a Barcelona e finalmente a Helsinki.

É a primeira vez que viaxo en avión e teño moitas ganas non estou moi nervioso agora mesmo pero sei que cando suba ao avión estarei algo nervioso… levo un libro (No Logo) e o Tetris para entreterme :-).

Unha semaniña que pasarei fora da casa por terras finesas, e quen sabe, quizais tamén visite Tallin ou San Ptersburgo que quedan preto de distancia, aínda que algo lonxe de tempo de traxecto. Xa veremos.

Intentarei sacar moitas fotografías e pasalo ben. A verdade é que non coñezo nada de Helsinki e non sei que ver, menos mal que temos unha guía persoal.

Meme: 5 cousas que che gustaría ter

Andrés Milleiro envioume un meme (aínda teño que facer outro) sobre 5 cousas que me gustaría ter. Teño máis de 5 cousas rondándome a cabeza polo que vai ser doado escoller 5. Ahí van:

  • O Nokia N95. É para min un dos mellores (se non o mellor) móbiles que hai agora mesmo no mercado, ten de todo. Eu teño un Nokia N70, se teño que mercar outro móbil será un mellor como o N95.
  • A Nintendo DS. Son un fanboy de Nintendo e esta consola portátil teneme unha pinta…
  • Unha cámara reflex díxital das boas, coma a Canon EOS 400D. A fotografía é un hobby para min, preciso dunha boa cámara, non?
  • Un servidor en casa. Un vellor ordenador que estea todo o tempo conectado a internet e que poida ter o eMule a descargar e ademáis que me permita ter páxinas web, bases de datos, etc.
  • Varios xogos da Wii… xa sei que isto é máis de unha cousa… pero é que quero o Mario Galaxy, o Guitar Hero III e o Mario Kart Wii.

Ahí están as 5 (~7) cousas que me gustaría ter. Pásolle este meme a Marcus, anllo, Fer e quen queira, por suposto.

Actualizando o teu feed

Tras un verán duro e ocupado veño outra vez por estes lares. Tomeime un verán moi de relax e ademáis organiceime fatal polo que ao final paseino un pouco mal á hora de estudar e facer o proxecto para setembro.

Din por ahí que se levas moito tempo sen bloguear no teu blog, o primeiro post que escribes á volta ten que ser especial. Sintoo, este non é un post especial, simplemente é un post para actualizar os vosos lectores de feeds e dicirvos que sigo vivo. A partir de agora supoño que poderei postear máis a miudo.

Pero é que agora… xa rematei todo e agora estou de vacacións! O que ven a significar que non teño que poñer a alarma para espertarme a ningunha hora.

Pronto marcharei a Helsinki (de viaxe) e comezará o curso pero non me queixo deste verán, sobre todo pola visita ao Aquapark de Cerceda, pola carreira de Karts en Santa Comba e polo novo CD de Manu Chao.

Helsinki, Helsingfors, Helseet… Hel!

Este setembro é posible que me escape uns días a Helsinqui a visitar a unha amiga que estará de erasmus por alá.

Como é normal antes de mercar o billete e praparar o viaxe informome na wikipedia sobre a capital de Finlandia, co cal descubrín que esta no sur de Finlandia (ben! menos frio!), usan o euro (xa o supoñía), forma unha area metropolitana cos municipios cercanos que chega a ter 1’3 millóns de habitantes (é grande!), o aeroporto internacional está a 19 km do centro (non esta lonxe!) e tamén ten metro, tranvías e autobuses con rutas dentro da área metropolitana (boa comunicación!).

Pero o que máis me chamou a atención é o nome da cidade e o dominio da páxina web oficial. Como sabedes, Finlandia ten dous idiomas oficiais, o suomi (ou finés) e o sueco, ademáis destes tamén se fala no norte o sami (ou lapón).

Polo tanto, Helsinqui ten dous nomes oficiais. O nome orixinal é Helsingfors (en sueco) xa que foi fundada por suecos, pero o nome coa que se coñece internacionalmente é Helsinki (en suomi). Temos dous nomes oficiais (Helsinki e Helsingfors) para unha única cidade… qué facer co seu dominio en internet?

O normal que farian en moitos sitios é ter dous dominios: www.helsinki.fi e www.helsingfors.fi. Pero como en Finlandia son moi listos aforranse un dominio e a páxina web oficial da cidade é www.hel.fi. Toman a parte común do nome en ambos idiomas. O que para moitos pode ser unha anécdota para min é unha mostra de como os idiomas son para comunicar e non para separar.